Nin sequera o condutor máis intelixente dos que circulan polas estradas de Galiza está libre de facer de cando en vez algunha cafrada. Tendo en conta isto, calquera cousa que se faga a prol de incrementar as súas capacidades de resposta e, en definitiva, a súa intelixencia ou (ante a imposibilidade disto) a do coche, tería que ser benvida. E na liña de conseguir un automóbil que teña o sentido común e os reflexos que a nós nos faltan está a traballar o Centro Alemán de Investigación de Intelixencia Artificial.
O seu traballo consiste en entender o que desexa o condutor (en caso de que desexe algo) e en comunicarse con el, cos outros vehículos circundantes ou mesmo co escenario no que se move. Estes coches, segundo apunta o dito centro, sairán ó mercado nun prazo de dous anos e estarán capacitados para saber moitas cousas de nós (pautas de comportamento, idade, sexo, estado cognitivo, etc) e, en base a ese coñecemento, poder establecer unha comunicación e achegar todo tipo de datos útiles. Polo de agora, o proxecto está limitado ós BMW e Mercedes, pero en breve estenderase o traballo cara outras marcas (non se especifica se o don da fala será aplicable só ós automóbiles de gama alta).
Con estes vehículos o cerebro do coche deixará en certas ocasións de estar no asento do piloto para estar situado nun computador con voz propia (inclúe altofalantes) e con micrófonos para captar as distintas ordes do condutor. Sexa como sexa, e bromas aparte, os novos vehículos nos que está a traballar este centro de investigación xermano terían múltiples posibilidades á hora de informarnos de onde está o combustible máis barato, a saída da autoestrada que nos interesa, os radares da policía (os fixos, suponse, claro) ou a música que escoitabamos a semana pasada e que nos gustaría volver a escoitar.
O sistema inclúe GPS e conexión a Internet, polo que é quen de visitar páxinas web e achegarnos logo todo tipo de datos de interese, como por exemplo onde está a gasolina máis asequible. Unha das principais vantaxes deste coche, como se pode supoñer, é que non nos obrigará a empregar as mans para empregalo, nin desviar a atención da estrada. Ademais, poderá entender ata os diálogos que xurdan libremente, sen necesidade de seguir un manual de frases previamente establecidas.
Os automóbiles que se comunican directamente co condutor estarán no mercado nun prazo de dous anos
Compartir Este Artigo
