Hai ordenadores de reducido tamaño (coma os Mac Mini) que resultan moi atractivos para os usuarios pola súa estética e funcionalidade, e para permitir un achegamento máis económico e aberto, están a preparar o Linutop, que é un ordenador de 9,3 x 2,7 x 15 cm e un peso de só 280 gramos que pretende atender a demanda de equipos de tamaño reducido e baixo custo.
O lanzamento de Linutop realizarase nas vindeiras semanas (polo que aínda non se coñece o prezo final), pero o feito de estea baseado no sistema operativo GNU/Linux e que estea orientado a un uso básico (como podería ser o de equipos para bibliotecas, hoteis, cibers…) dá a entender que terá un prezo reducido.
O Linutop ten un procesador AMD Geode, 512 Mb de ROM, 256 Mb de RAM, tarxeta de rede FastEthernet, saída de VGA, entrada e saída de son e 4 portos USB, podendo engadírselle tanto portos USB 2.0 coma conectividade Wi-Fi.
No tocante ó software, incluirá o procesador de textos AbiWord, o lector de PDF Evince, o navegador Firefox, o programa de mensaxería instantánea Gaim e o reprodutor multimedia Totem, polo que cumpre cos principais usos dun ordenador básico.
Ademais, o equipo non ten disco duro, polo que teremos un sistema silencioso e de baixo consumo, que sería ideal coma segundo ordenador nun domicilio (especialmente para aproveitar algún monitor vello) o que era tamén o argumento que empregaban para a adquisición do Mac Mini.
Linutop: un ordenador de tamaño reducido baseado en Linux
Compartir Este Artigo
