O lanzamento das novas consolas de videoxogos se están saldando con multitudinarias colas en tendas de todo o mundo, e así puidemos ver coma milleiros de persoas esperaron polo lanzamento da PS3 no Xapón e nos EE.UU. e a Nintendo Wii nos EE.UU., replicándose estas últimas reaccións no Xapón, posto que na pasada fin de semana chegou ás tendas a consola de Nintendo chamada a revolucionar o lecer electrónico.
Este sábado milleiros de compradores apareceron fronte as portas dos establecementos comerciais máis coñecidos de todo o Xapón para ser os primeiros en facerse cunha Wii, e non ter que agardar ó reabastecemento da consola en previsión de que se esgotaría en poucas horas.
A nova consola conta con dous puntos moi fortes: o seu controlador de xogo (que vén a ser unha especie de mando a distancia sensible ó movemento) e o seu prezo (25.000 iens, uns 162,41 euros) que vén sendo a metade do que custa unha PS3.
Así, nos pasados días xa falabamos de que a Wii vendera 600.000 unidades en 8 días (no mercado norteamericano) e a chegada dunha 400.000 consolas ó mercado nipón fixo que neste momento se superase o millón de unidades vendidas nun par de semanas, o que deixa á PS3 de Sony nun mal lugar, pois hai unha semana a Wii só duplicaba as vendas da PS3, e agora as triplica.
Temos unha entrada moi forte da nova consola no mercado asiático, e tendas coma Bic Camera xa tiñan vendidas as súas 3.000 unidades da Wii antes de abrir, xa que tiñan un milleiro reservadas e unhas 2.000 persoas facendo cola para mercar cadansúa consola.
Nintendo está a vivir así un momento de gloria, pois o éxito que tiñan coas súas consolas portátiles GameBoy se podería trasladar ás consolas domésticas. Incluso poderiamos estar ante a segunda vez na que Nintendo derrote a Sony, xa que na actualidade tanto a Nintendo DS como Nintendo Wii venden máis unidades que PSP e a PS3 de Sony respectivamente.
Moitos compradores están a cambiar de impresión sobre o panorama das videoconsolas, e están a apostar por equipos como a Wii para xogar, mentres que pensan que os equipos máis potentes como a Xbox 360 ou a PS3 destacan polas súas prestacións multimedia, de xeito que son máis un complemento audiovisual para o fogar que un dispositivo exclusivamente dedicado ó xogo.
Comeza a venderse no Xapón a consola de videoxogos Nintendo Wii
Compartir Este Artigo
