A guerra dos navegadores de Internet nos escritorios informáticos parece quedar só con dous competidores (o Internet Explorer e o Firefox) polo que Opera apunta a súa estratexia empresarial a outros dispositivos, destacando a súa presenza en dispositivos móbiles e con pantallas de dimensións reducidas, aínda que agora tamén se achegará ás consolas de videoxogos domésticas grazas a un acordo con Nintendo que fará que Opera sexa o navegador oficial da nova Wii.
Agora os usuarios da Nintendo Wii que a teñan conectada á Rede poderán descargar de balde unha versión de proba do navegador de Opera para activar así o Canal Internet da Wii e así poder navegar pola web, empregando o revolucionario Wiimando para moverse a través das páxinas de Internet.

Precisamente son as limitacións dos televisores os que fan que a versión do Opera para Wii sexa diferente á de PC, pois inclúe prestacións coma o zoom intelixente, o modo de columna simple ou o teclado en pantalla.
A versión definitiva do Opera para Wii estímase que sairá a finais de marzo de 2007, aínda que se poderá seguir a empregar de balde ata xuño de 2007, data a partires da cal haberá que pagar 500 puntos Wii para continuar a empregar o navegador.
Opera lanza o seu navegador para a Nintendo Wii
Compartir Este Artigo
