Nestes tempos que corren, xa non chega con ver a televisión, escoitar a radio ou visitar unha web. Temos que almacenar o que vemos ou escoitamos ou, polo menos, ter a seguridade de que se nos peta gardar toda esa información, poderemos facelo (aínda que logo non o fagamos nunca). O caso é que hai coleccionistas de todo tipo, e hai a quen lle gusta gravar a De Los Santos en casete para logo escoitalo de novo pola noite con íntima satisfacción. En fin, para todos eles e para os que tamén escoitan radio de xeito o fabricante xaponés Olympus semella que lles vén de botar un cabo. E faino co receptor de radio FM/AM que vemos na imaxe e que leva un disco duro que pode amorear ata 2.500 horas de programación.
A súa feitura e tamaño é de radio espertador deses que adoitamos a poñer na mesiña de noite, aínda que probablemente non estea preparado para as labazadas que normalmente se lles lanzan a estes trebellos cando se nos atravesa o seu son teimudo. A capacidade de almacenamento do aparello de Olympus é de 37 xigaoctetos, e permite gravar de xeito directo programas en formato dixital (WMA ou MP3) con tres opcións de calidade, o que nos deixará marxe para manexarnos entre as 625 horas de contidos radiofónicos ou as 2.500, depende da importancia que lle deamos ós programas.
A pregunta que nos podemos facer é: que pasa cando o disco duro bota por fóra de intervencións de José María García? Segundo apunta Olympus, pódense envorcar os datos nun computador para logo seren gravados nun CD ou noutro soporte.
Olympus presenta unha radio que pode gravar ata 2.500 horas de programas
Compartir Este Artigo
