O traballo a distancia é posible. E non só iso, senón que tamén pode ser fonte de beneficios para a calidade de vida dos traballadores (ben levado e sempre que o feito de converternos nos nosos propios xefes presenciais non acabe por escravizarnos aínda máis, que un non se coñece a si mesmo ata que se auto supervisa). O caso é que a casa Telefónica semella que quere traballar nesa liña, a xulgar por un informe de actualidade económica publicado os días pasados por Europa Press. Segundo esta investigación, a operadora (auto) prognosticouse o seguinte dato: nun ano, o 15% do seu equipo mundial estará constituído por traballadores a distancia, previsión que xorde da súa estratexia por incrementar a mobilidade e a interacción dos seus traballadores.
Isto vai ser posible (di a operadora) grazas á posta en marcha no mes de xullo das novas oficinas do Distrito C de Madrid, no barrio de Las Tablas, onde desenvolverán o seu labor 13.000 traballadores e no que Telefónica investiu preto de 450 millóns de euros. Alí está previsto que entre unha quinta e unha cuarta parte dos empregados comece o día sen tarefas previamente asignadas para desenvolver, e terá no portátil, a axenda electrónica e o móbil de última xeración as súas principais ferramentas tecnolóxicas de traballo.
Telefónica aposta polo traballo a distancia: o 15% dos empregados serán teletraballadores en 2008
Compartir Este Artigo
