No salón CeBIT deste ano e, como en calquera outro salón, as cousas que finalmente atraen máis a vista dunha boa parte dos visitantes son as que mesturan a tecnoloxía máis punteira con obxectos que xa empregaban os nosos bisavós. Un exemplo deste tipo de combinacións sería a bañeira con home cinema (que existe) ou o mandil sen mangas cruzado con conexión satélite (que non existe, polo menos que se saiba). Nesta liña vai a almofada da que falamos neste texto, un trebello que visto dende arriba non ten nada de especial pero que se esculcamos de preto e dende as beiras ofrece probablemente o mellor de si mesmo, ou polo menos o máis innovador. É dicir: é aí onde están as cousas que che permiten empregalo coma se fose un mans ceibes para o móbil.
Inclúe un micrófono e uns altofalantes para establecer conexión co terminal a través de tecnoloxía Bluetooth. Ou sexa, que o aparello serviría para liberar ós móbil-adictos do feito de ter que interpoñer o teléfono entre a orella e a almofada, liberándonos un pouco do risco de coller cabaleiros no pescozo ou atrofias musculares de por vida nos brazos. Conclusión: ideal para quen vive e durme só, pero pouco recomendable para quen o fai acompañado. Se cadra a tecnoloxía da comunicación segue a dar pasos cara a onde non debería dalos: a incomunicación.
Almofada con tecnoloxía Bluetooth que che libera do uso dos mans
Compartir Este Artigo
