Directamente chegada dende EE UU para todos aqueles que devecen cada día por seren sorprendidos polas últimas novidades de Apple, a compañía da mazá vén de presentar este híbrido entre reprodutor de DVD, iPod e PC, que pode transmitir contidos sen atrancos de por medio dende Internet na pantalla de TV. O novo Apple TV, (para sermos máis precisos), é un dispositivo no que se poden amorear (grazas ó seu disco duro de 40 xigabytes), todo tipo de contidos tales como cancións, vídeos ou fotografías para logo reproducilas a través da pantalla de TV coa calidade dun DVD.
Opera en Internet a través dunha conexión sen fíos e é tan sinxelo de usar (iso di Apple) coma un iPod. De feito, os seus creadores aseguran que Apple TV “comeza literalmente onde remata o iPod” xa que pode reproducir os contidos deste último e incluso reanudar unha sesión xusto dende o intre no que se detivo o dispositivo móbil para cambiar ó fixo (o Apple TV).
Entre outras moitas características, este trebello reproduce tódolos contidos da nosa biblioteca de iTunes na televisión dende un PC ou un Mac e sincroniza de xeito automático o contido dixital do noso computador para desfrutalo sen fíos na pantalla de TV. Ademais, os contidos de iTunes que se engaden ó Apple TV actualízanse neste gadget sen que teñamos que facer nada, e grazas a uns sinxelos menús, pode empregalo calquera que o desexe (e que dispoña dos preto de 300 euros que custa o aparello.)
Apple TV reproduce contidos directamente do PC ou MAC na televisión
Compartir Este Artigo
