Para os negocios tamén fai falta adestramento, e non só no que se refire á paciencia (santa) coa que temos que aturar unha boa parte das ordes dos nosos xefes. É dicir: que en moitas ocasións non chega con ter unha boa formación e con saber moito de informática para que conten contigo –por exemplo- nunha firma como xerente de informática. Para Intel, é fundamental ter boa man para controlar orzamentos, loitar contra ataques en liña de seguridade e garantir que os computadores dos empregados van ter os programas máis axeitados para a empresa. A xuízo da multinacional, isto perfecciónase coa experiencia, e, a falta doutras oportunidades laborais previas, nada mellor que tirar proveito do virtual, concretamente do xogo IT Manager Game 2.0 (ITMG2), que vai dirixido sobre todo a estudantes de informática e a profesionais deste eido coa arela de actualizar as súas habilidades.
No xogo (no que por certo tamén se nos ensinan os métodos máis axeitados para levar a cabo un despido… como se houbese algún método axeitado, vaia), poñémonos na pel dun xerente de IT ó que se lle encomenda o seguinte gran obxectivo: conseguir que a empresa virtual na que traballa sexa máis rendible e eficaz. Estamos polo tanto perante un simulador que, como todos os xogos, que foron e serán no mercado dos videoxogos, vai de menos a máis. Ou sexa, que iremos pasando (como quen di) de regar as plantas do xefe a procurar solucións contra un ataque hacker dixirido a facerse coa información dos nosos ordenadores. O produto, para que saibamos ben cara a onde dirixir os nosos esforzos (suponse que cara a arriba, claro) achéganos unha listaxe en tempo real cos mellor clasificados do xogo onde figuran as compañías virtuais mellor engraxadas.
Intel presenta un xogo para adestrar ós futuros xerentes de informática das empresas
Compartir Este Artigo
