A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), vén de elixir a nova xunta directiva que a vai representar, así como os novos estatutos polos que se rexerán a partir de agora. Esta iniciativa empresarial galega, xurdida da conxunción de ata doce empresas sociais (Aitire, Allenta, Bora Telecom, Igalia, Imagos, Inforede, Pexego, Redegal, Signo, Tegnix, Ultreia Comunicacións e Wireless Galicia) nace con varios obxectivos a cumprir a corto prazo:
· Promover o software libre como ferramenta válida para desenvolver a Sociedade da Información en Galicia.
· Servir de interlocutora perante a Administración Pública galega, para apoiala e asesorala no proceso de migración e implantación de estándares abertos.
· Fomentar a colaboración entre os seus socios, facilitando a xeración de novas oportunidades de negocio en base á posta en común de coñecementos e experiencias, cun enfoque definido e baixo o “paraugas” dunha marca común.
Aínda que a devandita asociación non conta polo de agora cunha web propia (é boa verdade que “na casa do ferreiro, coitelo de pau”), a partir do vindeiro mes de setembro teñen intención de presentar a súa páxina, así como ó xerente da mesma. Mentres tanto, o blog de Javi Vázquez de Igalia, servirá para manternos ó día do que aconteza no eido do software libre en Galicia.
Cambios na xunta directiva e nos estatutos da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre
Compartir Este Artigo
