Os amantes dos xogos de loita en dúas dimensións coma Street Fighter están ansiosos por que cheguen títulos deste estilo ás consolas de última xeración, pero o Street Fighter IV parece que se vai facer de rogar (agárdase o seu lanzamento para 2009), pero mentres poderán satisfacer as súas arelas cun remake do clásico Street Fighter II.
Proba do funcionamento do novo xogo |
Ata o momento sabemos que Super Street Fighter II HD Remix será unha adaptación do xogo de loita máis importante da historia para as consolas Xbox 360 e PlayStation 3, o que supón un reto no tocante á súa aparencia gráfica, xa que teñen que refacer todo o aspecto visual do xogo para a alta definición respectando o xogo orixinal de 1991, e para esta tarefa Capcom conta coa colaboración do estudo Udon (responsable dos comics de Street Fighter nos EE.UU.).
Temos así que o xogo contará cun redebuxado dos personaxes e fondos cunha definición que dará a impresión de que estamos a ver debuxos animados en vez dun vello videoxogo, e que poderá marcar un novo camiño que afastará ás novas consolas da emulación de xogos de 16 bits para levalas á recreación dos mesmos para que tiren proveito da potencia das novas máquinas.
Ata o momento só podemos ver un vídeo de baixa calidade do xogo funcionando e algunhas capturas de pantalla que deixan constancia do coidado que está a ser o apartado gráfico deste xogo.

