
Para o estudo desbotáronse ofertas que non correspondan a conexións permanentes e tamén os descontos e promocións, acadando uns prezos finais expresados en euros/mes (sen IVE) e en euros-PPP (ponderados polo poder adquisitivo dos diferentes países) incluíndo o aluguer da liña telefónica. Os datos separáronse en 3 tramos segundo a súa velocidade: baixa (de 144 Kbps a 1,99 Mbps), media (de 2 Mbps a 9,99 Mbps) e alta (a partir de 10 Mbps). Tamén se separaron os datos segundo inclúan ou non chamadas e se crearon dous grandes grupos: un con tódalas ofertas do mercado e outro cos antigos monopolios estatais.
Con todas estas divisións obtemos unha visión moi dispar da oferta española con respecto do resto de Europa e así, mentres unha conexión de velocidade media se pode contratar en España por 40,2 euros (un 9,6% menos que a media das mellores ofertas da UE-27), cando miramos a oferta de Telefónica para a mesma oferta temos un prezo de 56,4 euros (un 17,2% máis caro que a media das mellores ofertas europeas). Amais, nas conexións de baixa velocidade tanto as conexións de tódolos operadores coma dos históricos queda sempre en peor lugar en España que no resto de Europa.
O presidente da CMT, Reinaldo Rodríguez, destacou que o informe recolle que un 71,68% dos usuarios españois contratan paquetes de banda larga e voz (dual play).
Habería que destacar que os prezos a ter en conta á hora de comparar a España con outros países serían os de Telefónica, pois son os máis contratados e os que teñen maior cobertura xeográfica, mentres que outras conexións máis baratas non son accesibles a tódolos cidadáns, polo que a existencia de ofertas puntuais non cambia o feito de que España teña unhas conexións máis caras que o resto de Europa, especialmente nas velocidades máis lentas.
Un estudo da CMT confirma que o ADSL en España é caro
Compartir Este Artigo

