Hoxe existe unha tendencia xeneralizada a trocar un móbil por outro cada vez que sae un novo modelo ó mercado con un par de opcións máis no menú có noso ou cun deseño máis lixeiro e anatómico que nos vai permitir gabarnos a pracer perante amigos e descoñecidos.
Esta arela por mercar sempre “o último” lévanos as máis das veces a adquirir dispositivos que non acabamos de entender, ou que nos defraudan tan axiña como os quitamos da caixa e prememos un par de botóns.
Para evitar estes infortunios, a web CanalPDA vén de dar cunha orixinal ferramenta interactiva que permite comparar as características de diversos modelos de teléfonos e simular o seu emprego mediante unha completa función de emulación.
Este sitio, chamado TryPhone conta cun centro de datos con centos de móbiles distintos e accesibles a distancia para probar aplicacións neles de xeito totalmente gratuíto dende as nosas computadoras e, segundo afirman os seus creadores, irán engadindo 4 ou 5 modelos novos cada semana.
Entre os móbiles que se atopan agora mesmo a disposición dos usuarios destacan o Nokia N95, o BlackBerry Pearl, o Palm Centro 690, o HTC Shadow e, como non, o desexado iPhone de Apple que xa caeu nas mans dalgún dos nosos redactores como podemos observar no último número da revista en papel.
TryPhone, unha web para probar os móbiles antes de mercalos
Compartir Este Artigo

