Hoxe en día a formación continua é un requisito case indispensable para poder acceder a case calquera posto de traballo. Ben sexa en liña ou de xeito presencial, o certo é que cada vez son máis as persoas que deciden proseguir a liña da aprendizaxe para ascender nas súas empresas ou ben para optar a mellores postos noutras compañías. Agora ben, o que non saben moitos mozos e mozas é que se logo de pasar anos estudando e atopar un traballo máis ou menos estable deciden casar pola igrexa, deberán volver a retomar os seus hábitos de estudo e pasar uns cursos prematrimoniais obrigatorios para poder dar o “si quero”.
Cursalos e presentar o correspondente certificado é obrigatorio para que un sacerdote acceda a casar a unha parella, polo que as cousas complícanse máis aínda no caso de aqueles noivos que viven en cidades diferentes ou que, por diversos motivos, non poden acudir “ás clases”.
Unha parroquia de Valencia está a dar pasos na solución deste problema e faino a través da impartición de cursiños prematrimoniais por Internet aos que non é preciso acudir de xeito presencial e que son tan válidos coma estes últimos.
Malia que para poder facer un destes cursos prematrimoniais en liña as esixencias son maiores que para facelo de maneira presencial, xa son moitas as parellas que optaron por esta modalidade.
O período de formación en liña dura catro meses e o seu custe é de 14 euros, cantidade coa que se pagan os envíos das fotocopias e as enquisas que os contraentes reciben por correo ordinario. O resto dos trámites fanse por Internet e tamén polo mesmo vieiro amósase á parella o significado dun matrimonio cristián, os segredos da convivencia ou cómo educar aos fillos.
Logo de pasar unha serie de probas e superalas con éxito, os futuros conxugues reciben o certificado que os valida para casar ó igual cás parellas que asistiron ós cursiños presenciais.
A Web achega formación continua… tamén para poder casar
Compartir Este Artigo

