O emprego do popular P2P para realizar descargas na Rede (que xa usan na actualidade o 50 por cento dos internautas españois) podería non ser tan ilegal como nos teñen afeitos a escoitar, pois segundo informa hoxe (xoves, 21 de febreiro) La Voz de Galicia, a Audiencia de Cantabria vén de confirmar a sentenza dunha xuíza de Santander que estableceu que descargar música de Internet e compartila con outros usuarios “non é delito se non existe arela de obter un beneficio comercial” aínda que advirte de que se trata dun “ilícito civil” que pode dar lugar a responsabilidades.
Así llo confirmou ao internauta cántabro Xosé Manuel L.H. que saíu absolto dunha pena de dous anos de cadea por facer copias non autorizadas de discos, películas e videoxogos e intercambialas con outros usuarios. Este afeccionado ó P2P non perdeu o tempo nos últimos anos e chegou a almacenar ata 6.780 albumes de música en formato mp3, 204 películas e 172 xogos que compartía pola Rede con outros internautas máis afortunados.
O xornal galego asegura que a sentenza “é firme e fixa nos seus fundamentos os límites do que debe entenderse por copia privada e por ánimo de lucro” e tamén fai unha clara distinción entre o que é considerado delito contra a propiedade intelectual e un mero ilícito civil (como se entende que aconteceu neste caso).
Xosé Manuel L.H. saíu absolto pola maxistrada Paz Aldecoa que considerou que a súa conduta estaba amparada polo dereito a facer copias privadas máis non saíu demasiado ben parado das críticas recibidas por parte das asociacións de produtoras de música, películas e videoxogos que non ven con bos ollos este comportamento tan socialmente admitido e, en certo modo, xustificado.
Promusicae estuda pedir indemnizacións ó internauta cántabro absolto
Á Asociación de Produtores de Música de España (Promusicae) caeulle como unha xerra de auga xeada a sentenza que absolve ó internauta cántabro de ser procesado por facer descargas non autorizadas da Rede e vén de anunciar que lle vai pedir unha indemnización pola vía civil ó responsable das descargas.
Os produtores de música coinciden coa sentenza en que só as condutas máis graves deste tipo deban ser consideradas delitos, na mesma liña cós países do noso arredor como Francia e o Reino Unido máis se laian de que a Audiencia “preferira analizar a actividade do denunciado á hora de obter a música de Internet antes que xulgar a verdadeira causa do preito”; neste senso, Promusicae non pretendía xulgar a descarga de ficheiros musicais ou de películas senón “a distribución de exemplares físicos (CDs gravados) que se levaban a cabo a posteriori”.
Pola súa parte, a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) considera que o importante é que “se teña sinalado o carácter ilícito desta conduta” e recorda que “non iniciou ningún procedemento pola vía penal fronte a estes comportamentos e seguiu a vía civil polo que o debate non afecta a súa actividade”.

