A última versión de Microsoft Office para Mac vén de ser presentado en Madrid nun acto conducido pola modelo e presentadora Usun Yoon, quen lles amosou aos alí presentes un caso práctico de como Office 2008 para Mac “pode contribuír a simplificar as nosas tarefas tanto a nivel profesional coma a nivel persoal”.
No exemplo práctico, a colaboradora do programa do Gran Wyoming propuxo organizar unhas vacacións co novo software de Microsoft co que confeccionou un presuposto co Excel 2008, un folleto explicativo da viaxe mediante o Word e, co Powerpoint, fixo unha presentación visual das fotografías que tomaría no seu periplo imaxinario.
Este novo programa para Mac, ademais de ser máis rápido e de consumir menos recursos cós seus antecesores, ofrece –segundo informa Microsoft- unha compatibilidade total con calquera formato anterior de Office e tamén con Windows, “un aspecto fundamental para compaxinar a vida laboral coa persoal”.
A interfaz gráfica de Office 2008 para Mac sufriu asemade importantes melloras nos menús e ampliou con moito as aplicacións que conforman todo o paquete. Este aspecto é moi valorado polos usuarios de Mac, e nesta liña, creáronse menús, accesos directos e barras de cartafoles cen por cen personalizables, moi do estilo dos estándares de deseño e simplicidade que caracterizan as plataformas Mac.
O novo Office 2008 presentouse nas súas tres versións:
– Microsoft Office 2008 para Mac: Inclúe Microsoft Word, Excel, Powerpoint e Entourage xunto co soporte Microsoft Exchange Server e ferramentas Automator. O seu prezo é de 569 euros.
– Microsoft Office 2008 para Mac Edición Fogar e Estudantes: Esta versión inclúe tres licenzas de Estudantes para Word, Excel e Powerpoint, así como unha versión de Entourage sen Exchange Server. O seu prezo é de 149 euros.
– Microsoft Office 2008 para Mac Special Media Edition: Esta edición especial combina as aplicacións de Office 2008 co sistema de xestión dixital Microsoft Expression Media, eficaz ferramenta de administración para catalogar, organizar e presentar activos dixitais, enfocado para usos profesionais que ademais precisan o soporte de Microsoft Exchange Server e as ferramentas Automator. O seu prezo é de 699 euros.
Presentado en Madrid o Microsoft Office 2008 para Mac
Compartir Este Artigo

