Baixo o lema, Crear cultura, imaxinar país, o Consello da Cultura Galega inicia hoxe, mércores 3 de abril, os actos de celebración dos seus vinte e cinco anos de existencia cunha serie de foros de reflexión que abordarán os retos da Sociedade de Coñecemento e que terán lugar ao longo de todo o ano na súa sede de Raxoi en Santiago de Compostela.
No marco da inauguración destas xornadas, das que xa falamos con anterioridade, unha das dúas webs do Consello da Cultura vén de publicar unha entrevista a Domingo Docampo, o coordinador do devandito encontro, quen fai un chamamento á participación “para que non sexa só unha presentación académica e entre todos poidamos achegar un punto de vista diferente”.
A tecnoloxía, a socioloxía e a economía son, segundo Docampo, “os tres piares básicos nos que se asenta a Sociedade do Coñecemento actual” polo que o programa deste primeiro Foro vai estar asentado nestes tres eixes centrais onde cada bloque se tratará en cadansúa sesión.
En orde a isto, Divina Frau, experta en temas de diversidade cultural e aculturación, e Imma Tubella, especialista en analizar a identidade nunha sociedade mediatizada pola Rede, van achegar os seus puntos de vista sobre a resposta da sociedade ante un novo campo como é a tecnoloxía.
Por outra banda, Guillermo de la Dehesa, Felipe Serano e Santiago Lago, conforman o punto de partida para coñecer a rendibilidade económica da nova orde social.
Son tres, pois, as dimensións dunha mesma realidade que inician a primeira das sesións convocadas polo Consello da Cultura Galega para celebrar os seus vinte e cinco anos de existencia. Darán comezo esta mesma tarde e estenderanse ao longo de mañá xoves.
Docampo fai un chamamento á participación no Foro da Sociedade do Coñecemento
Compartir Este Artigo

