Quen non lembra a aquel Paco Lobatón dos 90 que, con certo aire de tristura e intriga ao mesmo tempo, lograba atraer a nosa atención co reencontro de persoas desaparecidas cos seus seres queridos? Foi se cadra unha das primeiras grandes experiencia televisivas do que hoxe coñecemos como reality shows e, malia o seu aquel sensacionalista, fixo posible que se reatopasen moitas familias. Hoxe, coa evolución que sufriron os medios e as novas tecnoloxías en xeral, a tarefa levada a cabo polo programa de TVE Quién sabe dónde? podería ser un xogo de nenos, pero os esforzos están máis ben encamiñados a atopar ao personaxe máis friki e con menos senso do ridículo da televisión ou a producir programas nos que os convidados e convidadas falan das súas experiencias sexuais no “colchón da cochera” de Paquirrín ou doutros xenios da farándula.
Porén, unha vez máis, Internet ofrécenos unha fiestra de escape a toda esta farsa e sorpréndenos cun sitio de orixe galega.
Falamos dunha páxina que ten a mesma intención có programa presentado por Lobatón. Trátase da web Quiensabedonde.es, baseada na colaboración dos internautas que de xeito desinteresado se axudan entre si para atopar persoas desaparecidas.
Esta web foi creada hai uns dez meses coa intención de que foran os mesmos usuarios, e non os intermediarios, os que se puxeran en contacto cos seus seres queridos desaparecidos; deste xeito, escriben un comentario cos máximos datos que poden ofrecer sobra a persoa a atopar e grazas á colaboración dos demais visitantes, xorden os agardados reencontros.
A súa ferramenta máis innovadora e eficaz é, segundo os seus creadores, a sección familias biolóxicas, “o primeiro e único rexistro en liña de fillos dados en adopción de pais biolóxicos que existe hoxe en día”, onde cada usuario, logo de crear o seu rexistro no apartado ó que pertence (fillos adoptivos ou pais biolóxicos), pasa a formar parte dunha listaxe cos datos máis importantes, facilitando en grande medida a localización da súa familia biolóxica.
Quiensabedonde.es: a Rede á procura dos desaparecidos
Compartir Este Artigo

