Dende hoxe, luns 7 de abril e ata o vindeiro día 10, o Paraninfo da Universidade da Coruña vai acoller o ciclo de conferencias Experiencia e Futuro, os coñecementos de empresarios de éxito para os profesionais de mañá, que organiza o Consello Social da UDC.
Estas xornadas, que se desenvolverán a partires das 19:00 horas, contarán coa presenza de catro empresarios galegos de éxito que explicarán como as súas empresas chegaron a converterse en referentes nacionais e internacionais.
A entrada é aberta e ademais de recoñecerlle un crédito de libre configuración aos asistentes, a organización habilitará un servizo de bus de balde que sairá da rotonda do Campus de Elviña a partires das 18:15 horas.
Cabe destacar a asistencia ás xornadas dos responsables das empresas Blu:Sens e R, dúas grandes firmas de recoñecemento internacional que son mostra do potencial galego en torno ás novas tecnoloxías da información e a comunicación (pese á fenda dixital existente aínda na nosa comunidade).
O programa do devandito ciclo será o seguinte:
· Luns, 7 de abril: Roberto Tojeiro, Vicepresidente Executivo do Grupo Gadisa. Modera: Luís Barral, Vicerreitor de Ferrol e Relación Universidade-Empresa.
· Martes, 8 de abril: José Ramón García, Presidente de Blu:Sens. Modera: Fernando González Laxe, Catedrático de Economía Aplicada e Director do Instituto Universitario de Estudos Marítimos.
· Mércores, 9 de abril: Arturo Dopico, Conselleiro Delegado de R. Modera: Carmen Marón, Concelleira de Economía, Facenda e Planificación do Concello da Coruña.
· Xoves, 10 de abril: Ignacio Rivera, Director Xeral e Conselleiro de Hijos de Rivera, S.A. Modera: Antonio Couceiro, Director Xeral de Begano.
Blusens e R falan esta semana dos seus éxitos nuns relatorios da Universidade da Coruña
Compartir Este Artigo

