A axencia de medios interactivos Elogia Media e Planeta Ad Network (PAN), veñen de asinar un acordo de colaboración para comercializar, a nivel estatal, a rede de soportes exclusivistas GaliciaBanner, que na actualidade xestiona os banners de máis de 20 portais galegos.
Mediante o devandito convenio, Planeta Ad Network comprométese a cubrir a metade das impresións das webs de GaliciaBanner con campañas publicitarias de ámbito estatal, mentres que a outra metade seguirá a ser cuberta con campañas de ámbito galego.
O acordo ten unha duración anual, prorrogable e xa comezou a percibirse nas webs da rede no pasado mes de marzo.
O director xeral de Elogia Media, Rubén López Ferreiro, asegura que este contrato “reforza considerablemente a rede GaliciaBanner, pois deste xeito incrementarase o aproveitamento comercial dos seus portais”. López Ferreiro explica que “o achegamento a Planeta Ad Network posibilitará que todas as impresións das páxinas da Rede teñan anuncios e, en consecuencia, acheguen máis ingresos para os seus xestores web”.
GaliciaBanner alíase con Planeta para reforzar a comercialización das webs galegas
Compartir Este Artigo

