O ministro de Industria, Miguel Sebastián, vén de asinar un convenio marco de colaboración co presidente de Microsoft Corporation, Steve Ballmer, o director xeral adxunto executivo de La Caixa, Antonio Massanell e o presidente de Hewlett Packard España, Santiago Cortés, que ten como finalidade favorecer a incorporación do maior número de pequenas e medianas empresas á Sociedade da Información.
A sinatura deste convenio, que xa anunciamos o pasado venres, tamén supón favorecer a incorporación ás TIC de mozos e mozas, universitarios e universitarias e cidadáns en xeral no marco da liña de financiamento ICO-Plan Avanza, a través de actuacións de difusión que leven incorporadas o logo do Plan Avanza.
En virtude deste convenio, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio autorízalles a Microsoft, La Caixa e HP a empregar o logo do Plan Avanza nas actuacións de difusión que se acorden no marco do convenio e comprométese a considerar a participación das tres firmas noutras iniciativas para o fomento do desenvolvemento da Sociedade da Información.
Pola súa parte, as tres compañías asumen o compromiso de poñer a disposición dos beneficiarios potenciais do Plan Avanza solucións “chave en man”. Isto significa que os interesados poderán acceder a estas solucións a través das 5.480 oficinas de La Caixa distribuídas por todo o territorio nacional, de xeito que o trámite global se reducirá a unha soa visita a unha sucursal da entidade.
Características da liña ICO-Plan Avanza
A liña de financiamento ICO-Plan Avanza busca “facilitar a incorporación á Sociedade da Información do maior número de empresas e cidadáns posible”, empregando a colaboración con entidades de crédito que dispoñen de redes de oficinas consolidadas en todo o territorio.
Esta liña materialízase en tres produtos distintos:
– Préstamo TIC; que ten como obxectivo financiar ás pequenas e medianas empresas a inversión en equipos informáticos (hardware e software), aplicacións e servizos para acceso a Internet de banda larga, presenza en Internet, incorporación das TIC a procesos empresariais e comercio, facturación electrónica…
– Préstamo Mozos e Universitarios; o seu obxectivo é financiar a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos e a estudantes matriculados en centros españois de estudos universitarios a adquisición de ordenadores con capacidade de conexión a Internet e, opcionalmente, software, antivirus, periféricos e a alta no servizo de conexión a Internet de banda larga.
– Préstamo Cidadanía Dixital; o seu obxectivo é financiarlle ós cidadáns en xeral a adquisición de equipos con capacidade de conexión a Internet así como as outras opcións que ofrece o “paquete” para universitarios.
Os interesados poden solicitar os préstamos nas devanditas entidades financeiras colaboradoras nesta liña. A listaxe destas entidades de crédito pode consultarse na web do ICO e tamén se pode obter máis información sobre estes préstamos na páxina web do Plan Avanza ou a través dos teléfonos de atención telefónica do Ministerio de Industria (901 200 901) e no do ICO (900 121 121).
Industria e Microsoft selan un pacto a prol da dixitalización das empresas
Compartir Este Artigo

