Nun momento no que os móbiles coma o iPhone teñen un importante impacto, e os ultraportátiles de baixo custo comezan a chegar ao mercado, parece difícil prever o futuro que terán os MID, dispositivos a medio camiño entre os dous tipos de dispositivos anteriores, e hoxe queremos dar a coñecer o de Digifriends, pois parece que vai chegar ao mercado norteamericano en breve, e podería ser un produto moi interesante para os que queiran acceder á Rede con alta mobilidade.
Os MID poderíanse confundir de xeito doado con reprodutores multimedia, e no caso deste produto surcoreano estariamos a falar dun trebello de 161 x 88 x 18 milímetros, pero que destaca pola súa pantalla táctil de 4,8 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles (ou sexa, que presentaría a mesma información en pantalla que un ultraportátil de baixo custo cunha pantalla de 8,9 ou 10 polgadas) o que permite ver as páxinas web de xeito satisfactorio (sen ter que andar a facer zoom coma se fai no iPhone, que só presenta 480 x 320 píxeles en pantalla). 
No tocante ao seu sistema operativo, é compatible con Linux, Windows XP e Vista, e tamén destaca por contar con accesorios coma un teclado QWERTY ou un navegador GPS. O prezo do dispositivo non se coñece, pero parece que o seu fabricante está a traballar para que se venda a través de operadoras de telecomunicacións (especialmente se contan con redes WiMAX).
MID con WiMAX de Digifriends
Compartir Este Artigo

