Se xa de por si o Pro Cycling Manager non fose abondo atractivo e un dos máis salientables do mercado á hora de practicar ciclismo virtual, Friendware vén de mellorar o seu simulador máis popular para ofrecerlles ós seus seareiros a súa octava edición, con novos modos de xogo (Sprint, Keirin e Eliminación) e un realismo “máxico” apto para os xogadores máis esixentes.
Esta nova entrega do Pro Cycling Manager fai que o xogo se consolide (en verbas dos seus responsables) como “o máis avanzado do mercado actual” e cuns gráficos que fan que “precisemos dun casco para probalo” e os comentarios en carreira do profesional de TVE Carlos de Andrés.
Pro Cycling Manage 8 reproduce tódolos equipos oficiais (Astana, Quick Step, Team CSC, Rabobank…) así como centos de carreiras clásicas e tódalas evolucións precisas para adaptarse ás posibilidades que ofrecen os máis modernos ordenadores.
A nova edición conta, asemade, cun editor oficial de Cyanide para crear as nosas propias bases de datos no xogo e un novo sistema de avituallamento en carreira para máis de 580 competicicións desenvolvidas en tempo real.
Os modelos en 3D dos corredores tamén foron redeseñados acadando máis texturas e máis de 100 animacións distintas para cadanseu ciclista e maillot.
A fin de contas, unha excelente vía de escape para tanto fútbol que nos permitirá meternos na pel de Contador por uns intres.
Nova entrega do Pro Cycling Manager con máis realismo e novos modos de xogo
Compartir Este Artigo

