A vida nas videoconsolas imita cada vez máis ao cinema e, en ocasións, mesmo se teñen convertido nunha mesma cousa. Algo de cinematográfico ten a nova proposta de FX Interactive, que está a presentar novidades para un produto que aos seareiros acabados de chegar non lles dirá moito pero que aos de certa experiencia lles levará de volta a uns tempos en que xogar significaba poñer ao límite da resistencia a calquera joystick que se puxera diante. Falamos de Navy Movies, exemplo case perfecto do que se coñeceu como estilo arcade dos salóns recreativos e que inclúe arestora (da man de FX) unha serie de engadidos descargables na súa propia web.
A idea de FX con este remake (que, como se dixo, ten unha clara feitura cinematográfica) foi a de coller o espírito do xogo orixinal e reforzalo coas posibilidades de xogo que achegan os computadores en liña e os móbiles. O desenvolvemento de Navy Moves, no que participaron arreo e durante un ano máis de 1.000 betatesters , está neste intre na fase 3 do seu desenvolvemento, o que significa (e para que se entenda) que os seareiros poderán contar co seguinte se actualizan o que xa teñen:
| Reportaxe sobre os xogos retro emitido por TVE a pasada fin de semana e na que dan unha especial importancia a Navy Moves |
· Nova fase: A través da xungla. Conduciremos un 4×4 equipado co mísiles terra-aire co fin de enfrontármonos aos helicópteros Hokum KA-50.
· Novas opcións de comunicación: chat e sms-up. Participaremos no chat do xogo e usaremos os novos sistemas de mensaxes de texto para retar de xeito inmediato a calquera xogador cun reclamo directamente enviado ao seu móbil.
· Novas competicións estatais e por comunidades. Poderemos participar en certames estatais ou por comunidades, de xeito individual ou formando equipo cos membros do noso clan.
· Novos retos entre xogadores. Trátase de desafíos nos que poderán concorrer os seareiros, habendo recompensas interesantes para todos os gañadores.
Asemade, co fin de recoñecer a colaboración dos afeccionados para mellorar as versións dispoñibles, a casa achegará a todos os xogadores que se rexistren na Comunidade Navy Moves un exemplar de Avencast, amais de incluílos para participar no sorteo de diverso material de lecer tecnolóxico (por exemplo iPhones).

