Logo da reunión mantida durante a mañá do pasado venres co alcalde de Brión, Xosé Luís García mais co delegado provincial da Consellaría de Innovación e Industria, Luís Barcia, o director da división de rede R, Julio Sánchez Agrelo, vén de anunciar os detalles do despregamento da rede de fibra óptica que a operadora que representa levará a cabo no devandito concello galego. Sánchez Agrelo explicou que dende este mes de novembro, “Brión entra a formar parte do grupo decidades e concellos galegos que dispoñen de conexión directa á rede de telecomunicacións de última xeración” que o operador galego está a despregar en toda a comunidade.
R prevé levar os servizos integrados de teléfono, Internet de alta velocidade, televisión dixital e móbil R a preto de 1.100 fogares e locais empresariais de Brión, cun investimento aproximado de 1 millón de euros.
O operador xa completou unha primeira fase das tarefas de despregamento de rede no núcleo urbano (desta volta acometéronse 5,6 quilómetros de obra civil e estendéronse 3 Km de fibra óptica) e confía na “plena disposición e colaboración” do concello desta localidade coruñesa para dotar á comarca de tódalas infraestruturas tecnolóxicas que precisen para acceder á Sociedade da Información.
O alcalde de Brión, Xosé Luís García manifestou que “como alcalde é unha satisfacción que os habitantes e as empresas de Brión poidan gozar dun servizo de telecomunicacións de última xeración e que sexa unha empresa galega e comprometida co país como R a que o leve adiante”.
Máis velocidade e telefonía móbil R
Grazas á “nova e potente rede de fibra óptica” que R está construíndo, rúa a rúa, os habitantes de Brión disporán de chamadas de balde entre clientes R e de Internet de alta velocidade constante por fibra óptica, que ten duplicado para todos os clientes dende este mesmo mes. Asemade, dende o pasado ano está en marcha o novo servizo de televisión dixital interactiva con calidade de imaxe e son dixitais por fibra óptica, unhas 80 canles, guía e miniguía electrónicas de programación e múltiples posibilidades de interactividade. Os veciños e veciñas deste Concello xa poden contratar tamén o servizo de móbil R, integrado na oferta de telecomunicacións do operador galego. Os clientes de móbil R poden chamar a 0 céntimos/minuto a todos os móbiles e fixos do mesmo contrato se teñen contrato de móbil e fixo.
R na provincia da Coruña
Ademais de Brión, que recibirá os servizos de R dende este mes, na actualidade R dá servizo, na provincia coruñesa nas localidades de: A Coruña, Santiago, Ferrol, Oleiros, Culleredo, Cambre, Arteixo, Ames, Betanzos, Narón, As Pontes, Boiro, Carballo, Cedeira, Fene, A Laracha, Malpica, Miño, Neda, Negreira, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Ponteceso, Pontedeume, Rianxo, Ribeira, Sada, Teo, Bergondo e Arzúa e antes de que remate o ano incorporaranse Melide e Mugardos. No despregamento da fibra óptica nas localidades da provincia da Coruña investirase un total duns 337 millóns de euros que lles permitirán a arredor de 413.000 fogares e locais empresariais estar en disposición de recibir os servizos do operador galego.

