
Nas consolas domésticas a Wii vendeu 2,04 millóns de unidades, a Xbox 360 836.000, a PS3 378.000 e a PS2 206.000; pero non só a PS3 vende menos da metade que a Xbox 360 (a súa consola rival directa) senón que tería vendido 88.000 unidades menos que no mesmo período de 2007, o que dende The Washington Times atribúen ao prezo da consola, que achega máis capacidade de disco (que non parece demandada polos usuarios) mentres que a consola de Microsoft reduce o seu prezo ata ser a máis barata da nova xeración.
No sector das portátiles Sony aínda está peor, pois só logrou vender 421.000 PSP mentres que a Nintendo DS está nos 1,56 millóns de unidades vendidas, aínda que neste caso habería que lembrar que a PSP é a primeira consola portátil de Sony, mentres que Nintendo dende a Game Boy ten case consolidado un monopolio.
Falando dos videoxogos, parece que a Xbox 360 está a resultar a plataforma máis rendible, pois ten uns prezos elevados que non frean as vendas, colocando Gears of War 2 e Call of Duty: World at War con 1,56 e 1,41 millóns de copias respectivamente á cabeza das vendas, seguidos por Wii Play, Wii Fit e Mario Kart Wii con 796.000, 697.000 e 637.000 unidades vendidas. A PS3 non consigue colarse no Top 10 ata o 5º posto, con 597.000 copias vendidas por parte de Call of Dut: World at War.
Estes datos reforzan a idea de que as grandes sagas continúan a ser unha aposta segura para desenvolvedores de xogos e usuarios, coa excepción de certos xogos para Wii que xa podemos considerar perennes, pois se trata de produtos de Nintendo que manteñen fortes vendas durante todo o ano e que case se entenden coma complementos da consola (pois inclúen accesorios).
O mes de novembro foi nefasto para Sony nos EE.UU.
Compartir Este Artigo

