Algúns usuarios detectaron descargas corruptas da demoA aparición no Xapón da demo de Resident Evil 5 levou a moitos usuarios a empregar trucos para poder acceder á mesma dende Europa e EE.UU., o que levou aos responsables do xogo a tomar medidas de xeito que comentan na Rede que na actualidade as descargas da versión de demostración non están a resultar efectivas dende fóra do Xapón, parecendo que engadiron protección rexional, que non incluía o título nos seus inicios (e do que aínda circulan copias nas redes P2P). Resulta sorprendente que estean a frear a difusión dunha demo que incluso conta con subtítulos en español e voces en inglés, e mesmo figura no seu menú coma Resident Evil 5 nas consolas europeas (cando o título se chama Biohazard 5 no Xapón) o que indicaría que está totalmente localizada internacionalmente. Chris e Sheva son os protagonistas do novo xogoDe todos os xeitos esta polémica non fai máis que crear máis expectación ante o que parece ser un excelentísimo xogo, cando menos polo que se pode ver nas dúas fases da súa demo, que son do mellor que se veu nunca neste xénero de survival horror que a moitos pode resultar rechamante por estar ambientado en África, e por estar claramente orientado a un modo cooperativo no que os personaxes Chris Redfield e Sheva Alomar deberán combinar as súas habilidades para facer fronte a distintas misións contra unha horda de infectados (zombies). Pese a que este novo título contará con moitas escenas a pleno sol, iso non lle resta emoción e sorpresa, con inimigos carismáticos, imaxes arrepiantes e moitos retos que superar, aínda que haberá que agardar a marzo para poder botar unhas partidas ao xogo final.