O operador galego de comunicacións por fibra óptica R presentou hoxe os seus resultados en 2008, exercicio que pechou cun total de 70 localidades incorporadas á súa rede e cun investimento acumulado duns 681 millóns de euros para despregar a súa infraestrutura por toda a comunidade galega (dos que 81 millóns corresponderon ao pasado ano).
Ao peche de 2008 R conta con 232.790 clientes conectados á súa rede fixa de fibra óptica, o que supón un incremento interanual de 18.500, á vez que o seu novo servizo de telefonía móbil rematou coa contratación de 34.205 liñas.
Estes datos os presentou o conselleiro delegado da compañía, Arturo Dopico, quen tamén destacou que R foi o operador co maior crecemento neto de portabilidades en Galicia, e o 4º a nivel de toda España (pese a só operar na nosa comunidade). Tamén destacou que o beneficio neto de 14,5 millóns de euros (un 15,2% máis que en 2007) indica que a compañía está a manter «altos índices de eficiencia e un control rigoroso dos custos de operación» pois continúa medrando pese a conxuntura económica actual e ao lanzamento do móbil R, servizo que se agarda que sexa deficitario nos seus primeiros anos de vida.
A compañía tamén innovou este ano sendo a primeira operadora do Estado en ofrecer chamadas de balde a todos os operadores móbiles dende teléfonos fixos, así como unha das primeiras operadoras en permitir a contratación de accesos á Rede a 100 Mbps.
No apartado económico R demostrou sen unha das empresas con mellor saúde entre os operadores de telecomunicacións e entre as empresas galegas, pois cos seus ingresos de explotación de máis de 190 millóns de euros sitúase entre as 25 primeiras empresas galegas por facturación (pese a ter unha vida de só 8 anos) e o seu resultado operativo de 84,8 millóns de euros (o 44,6% dos seus ingresos) sitúa ao operador no liderado en rendibilidade en España dentro do sector.
De cara ao futuro, R agarda espallar a súa rede a 17 novas localidades galegas en 2009, así como optar a algunha das novas licenzas que permita á empresa operar con tecnoloxía de radio para achegar os seus servizos de comunicacións ás zonas máis dispersas e espalladas da comunidade. Tamén continuarán a espallar a cobertura das súas conexións de 30 e 100 Mbps, potenciar os seus servizos de televisión interactiva e desenvolver novos servizos fixo-móbil.
R presentou os seus resultados en 2008
Compartir Este Artigo
