A Consellaría de Innovación e Industria vén de presentar Orzametal, unha nova ferramenta informática pensada para contribuir e mellorar a xestión das empresas galegas que integran o sector da carpintería metálica e de PVC.
Orzametal é unha aplicación informática que simplifica e axiliza a xestión e a elaboración dos orzamentos a clientes por parte do sector, e que se integra de xeito doado como unha peza máis no conxunto de solucións informáticas das empresas, facilitando a xestión en relación aos clientes, recursos humanos, stocks, provedores e pedimentos.
Esta nova aplicación vén dar solución a todas as demandas do sector grazas á súa “versatilidade e adaptabilidade”, características derivadas da súa propia natureza xa que o programa está baseado en tecnoloxías de código aberto (software libre), o que permite ir introducindo novidades e melloras adaptadas ás necesidades de cada empresa.

Outra das características que definen Orzametal é que permite facer un seguimento doado dos estándares de calidade, facilitando o seguimento do proceso de produción e integrando o pedimento do cliente no resto da cadea. Este control do proceso fai que as empresas poidan cumprir coa normativa de marcado CE desde o momento actual, un ano antes de que sexa obrigatoria para as carpintarías metálicas.
Innovación e Industria destinou 100.000 euros ao desenvolvemento desta ferramenta que as empresas do sector poderán instalar descargándoa de balde dende o portal de Galiciapms ou dende a páxina web www.orzametal.eu. Para poder sacarlle todo o rendemento posible á aplicación, a Consellaría vai poñer en marcha cursos de formación aos que tanto as empresas TIC coma o persoal das carpintarías metálicas poderán inscribirse a través da citada web.
Innovación presenta unha aplicación informática exclusiva para o sector da carpintería metálica
Compartir Este Artigo

