Tras unha longa espera, este xoves chega á PlayStation Network europea o xogo Super Street Fighter II Turbo HD Remix, que poderase mercar por 14,99 euros e que xa se vendía para Xbox 360 dende o pasado mes de novembro cunha acollida realmente impresionante.
Curiosamente a versión para PS3 xa se vendía nos EE.UU. e no Xapón, resultando desesperante para os usuarios da consola de alta definición de Sony que non chegase a terras europeas, pois era o complemento ideal para calmar a espera de cara ao lanzamento do Street Fighter IV que chegará ás tendas este mesmo venres, de aí que as vendas do xogo que sae mañá poderían verse moi ensombrecida polo seu irmán maior.
Pese a que o Super Street Fighter II Turbo HD Remix sexa un título descargable e, polo tanto, non comparable co Street Fighter IV, os afeccionados á franquía de xogos de loita de Capcom poderán gozalo e incluso preferilo á nova entrega da saga, polo mérito que ten que refixeran un vello xogo de recreativas para que se vise realmente ben nunha pantalla de alta definición conservando gráficos 2D, mentres que o Street Fighter IV, pese a conservar o sistema de xogo 2D, presenta uns gráficos tridimensionais pre-renderizados, que o afastarían esteticamente dos seus predecesores.
Remata a espera polo Super Street Fighter II Turbo HD Remix para PS3
Compartir Este Artigo

