Este verán imos ter unha boa ración de xogos no Bazar de Xbox LIVE, desvelando Microsoft o seu calendario de lanzamentos, que comezarán forte o día 22 con Teenage Mutant Ninja Turtles: Turtles in Time Re-shelled, remake dun clásico de recreativas (aínda que inspirándose especialmente na súa conversión para Super Nintendo) que presentará uns gráficos 3D totalmente renovados, conservando a xogabilidade do beat’em up e vendéndose a 1.200 puntos (14,4 euros).
O 29 de xullo, e polo mesmo prezo, chegará o agardado Marvel vs Capcom 2 á Xbox 360 (xogo que tamén contará con versión para PS3, aínda que a súa data de lanzamento está sen determinar).
Este xogo de loita en dúas dimensións permite elixir entre 56 personaxes lendarios de Marvel e Capcom, que van dende Ryu a Wolverine, e que poden enfrontarse en combates de 3 contra 3 (en quendas sucesivas), aínda que fronte a outras conversións recentes, nesta ocasión a optimización gráfica limítase a filtros de imaxe que disimulan o pixelado dos gráficos orixinais en definición estándar nunha pantalla de alta definición.
Xa para o mes de agosto chegarán en semanas sucesivas os títulos Splosion Man (800 puntos, ou sexa, 9,6 euros), Trials HD e Shadow Complex (ambos a 1.200 puntos, ou sexa, 14,4 euros), destacando especialmente este último, que foi considerado por 1UP, IGN, GameTrailers e G4TV coma o mellor xogo descargable da pasada edición do E3.
Comparación entre a versión orixinal e o remake do beat’em up das Tartarugas Ninja
Trailer de Marvel vs Capcom 2

