Continuando na súa iniciativa para crear a rede Wi-Fi comercial máis grande do mundo, Martín Varsavsky presentou a pasada noite xunto a Nina Wiegand e ante convidados de peso coma Loic Le Meur, Michael Arrington e Robert Scoble, a Fonera 2.0n, que sae á venda en Europa o vindeiro 15 de setembro (para chegar un mes despois aos EE.UU. por 99 dólares), e que supón un avance con respecto da anterior router sen fíos deseñado para este servizo, mellorando en cobertura e velocidade ao facer integrar un procesador máis rápido e soportar o estándar de comunicacións IEEE 802.11n.
Pero a nova Fonera non só mellora en velocidade, senón que o seu firmware incorpora innovacións que agradecerán moitos usuarios, por ser capaz de automatizar a carga de vídeos e fotografías a servizos coma YouTube, Flickr, Picasa e Facebook, e poder descargar directamente contidos de BitTorrent, RapidShare e Megaupload sen intervención do ordenador ao mesmo tempo, pois o equipo tamén integra un concentrador USB ao que conectar discos duros externos ou outros dispositivos USB, de xeito que pode servir para compartir un disco en rede, montar unha impresora para unha rede local ou incluso para compartir un modem 3G/HSDPA a través de Wi-Fi.

Hai que lembrar que a Fonera 2.0n é un router comparable a outros que xa existen no mercado (que tamén permiten estas prestacións) pero a súa facilidade de uso pretende ser un reclamo para que os usuarios integren o seu router na rede de hotspots de FON, ou sexa, permitindo compartir o seu acceso á Internet con outros usuarios a través de Wi-Fi (o que suporá contraprestacións que poden ser económicas ou o mero acceso á Rede dende puntos de acceso alleos).
Presentan a Fonera 2.0n, un router Wi-Fi pensado para o P2P e a web social
Compartir Este Artigo

