IREX Technologies presentou esta semana o seu dispositivo de lectura de libros electrónicos DR800SG, que é un dispositivo baseado en E Ink cunha pantalla táctil de 8,1 polgadas (precisa de stylus para o seu uso), lectura de tarxetas SD (inclúe unha de 2 Gb) e conectividade móbil 3G, de xeito que podería converterse nun rival para o Amazon Kindle que funcionaría sen problema tanto en redes de telecomunicacións americanas coma europeas.
O IREX DR800SG é compatible con formatos coma PDF, EPUB, Newspaper Direct, Fictionwire, eReader e TXT, podendo acceder ao catálogo con 750.000 títulos da tenda de descargas de Barnes & Noble, de xeito que superaría a oferta do Amazon Kindle (cuns 350.000 libros).

Aínda que este dispositivo non pareza moi innovador, o certo é que supón unha mellora na calidade deste tipo de trebellos, conseguindo unha área de lectura superior ao Kindle ou ao Sony Reader Daily Edition (os seus competidores máis directos) aínda que inferior ás 9,7 polgadas do Kindle DX. A pantalla tamén conta con menos reflexos que os outros dispositivos mencionados, presenta 16 niveis de gris, aproveita mellor o seu espazo (de xeito que ten un tamaño semellante a un Kindle, pero cunha pantalla maior), presenta un deseño moi sinxelo e resulta moi doado de manexar tanto cos seus botóns coma co stylus.
O IREX DR800SG anima o sector dos e-books cunha pantalla de 8,1 polgadas e conectividade 3G
Compartir Este Artigo

