En agosto comentamos que a operadora de telecomunicacións portuguesa ZON estaba a preparar conexións de acceso á Internet a unha velocidade de 1 Gbps facendo uso da fibra óptica, e agora incorporan estas conexións á súa oferta pública, de xeito que na súa páxina web xa figuran os novos combinados de teléfono, televisión e Internet a velocidades de 200 Mbps e 1 Gbps de descarga, con velocidades de subida de 10 Mbps e 1 Gbps respectivamente.

Deste xeito, Portugal sería o primeiro país de Europa en comercializar unha conexión simétrica a 1 Gbps, aínda que sexa a un prezo bastante elevado e do que dificilmente pode tirar proveito un usuario doméstico (cómpre destacar que a velocidade subministrada é moi superior á de moitas redes locais e sen fíos), polo que sorprende que esteamos ante unha oferta para o mercado residencial.
O que deixa en evidencia esta nova oferta de conexións de ZON é que en Galicia estamos a pagar demasiado polos nosos accesos á Rede, incluso a través da operadora galega do cable R, pois un Combo R con teléfono, televisión e Internet a 12 Mbps/600 Kbps custa 75 euros/mes, mentres que a operadora lusa ofrece por 54,90 euros unha oferta semellante cunha conexión á Rede de 20 Mbps/1Mbps, así como unha conexión de 100 Mbps/6 Mbps por 69,90 euros/mes.
Portugal convértese no primeiro país europeo con conexións domésticas á Rede a 1 Gbps
Compartir Este Artigo
