Despois de moitas demoras, o disco duro multimedia de Blusens que quere revolucionar o consumo audiovisual do fogar, o Blu:brain, vaise concretando, e xa sabemos que vai venderse en capacidades de 160 e 250 Gb, con 2 sintonizadores de TDT de alta definición (con capacidades de gravación), soporte de rede a través de Fast Ethernet e Wi-Fi (IEEE 802.11g), lector de tarxetas de memoria, 2 portos USB 2.0 para a carga de contidos a través de discos duros externos e unidades de memoria e reprodución de vídeos en alta definición (soportando formatos coma o MKV), chegando ás tendas o 15 de febreiro a un prezo de 399 euros.
Dende Blusens aseguran que chegaron a acordos con diferentes provedores de contidos para vender vídeo baixo demanda (VoD), Over The Op (OTT) e contido IPTV, de xeito que o Blu:brain estará aberto a películas, series e outros programas de televisión mediante streaming, aínda que haberá que coñecer a oferta de contidos deste tipo para poder valorar o servizo.

Pero este anuncio de Blusens podería chegar moi tarde, cun mercado saturado de reprodutores multimedia de alta definición que incluso contan con gravación de TDT de alta definición, e teñen un prezo inferior ao do Blu:brain e unha capacidade de disco moi superior, de xeito que un ZoltarTV con 1,5 Tb de capacidade, dobre sintonizador de TDT de alta definición e Wi-Fi N pode atoparse por 299 euros, mentres que o Storex DivaBox, tamén con gravación de TDT e 1,5 Tb de capacidade pode adquirirse por 295 euros. Ambos dispositivos contarían cunha alta compatibilidade de formatos de vídeo, e tería un tamaño e un peso inferiores ao do Blu:brain pese a ter maiores prestacións, aínda que haberá que agardar a ver o trebello de Blusens en funcionamento para poder valoralo axeitadamente, pois neste tipo de dispositivos a súa interface de uso é crucial para o seu éxito, e incluso o seu nivel de compatibilidade cos formatos de vídeo que circulan pola Rede pode ser decisivo para a súa popularización.
O Blu:brain sairá á venda o 15 de febreiro por 399 euros
Compartir Este Artigo
