
Os datos, incluídos no Estudo do impacto da fenda dixital no Concello de Ourense, foron dados a coñecer hoxe polos autores deste informe, membros da área de coñecemento de Estatística e Investigación Operativa ligados á ESEI e á Facultade de Empresariais.
O traballo, sinala a Universidade de Vigo na súa web, revela que nunha clasificación entre as capitais de provincia do Estado español, Ourense emprázase no último terzo, tanto en infraestrutura como en conectividade e cobertura de Rede. E isto, engadiron os autores do informe, “entendendo a fenda dixital como o acceso desigual das persoas á tecnoloxía dixital, un atranco para acceder á información e a educación mediante as novas tecnoloxías da información”. Por certo que o informe desenvolveuse sobre a base de 470 enquisas levadas a cabo en dúas semanas entre individuos de 16 anos ou máis residentes dentro do concello. O primeiro paso, explicaron, foi avaliar o perfil das vivendas, a distribución das idades dos membros nos fogares ourensáns. A continuación centráronse no equipamento tecnolóxico no fogar dirixido para ser empregado cunha conexión á Rede, estimando que só un 52,55% dos domicilios dispoñen dun dispositivo electrónico co que acceder á Internet, fronte á media de 62,3% dos fogares galegos. Segundo Tomás Cotos, membro do equipo responsable da investigación, “este dato pon de manifesto unha diferenza en case 10 puntos entre o concello de Ourense e o resto de Galicia, diferenza que se incrementa en máis de catro puntos se a comparamos coa taxa media do Estado español”.
No informe tamén se achegan datos interesantes sobre a idade e os coñecementos da cidadanía ourensá en liña, revelándose o que dalgún xeito xa se supoñía: que nos casos onde hai residentes mozos/as, a posibilidade de que se conte con acceso á Rede se incrementa. Así, nos ámbitos familiares onde reside unha persoa menor de 15 anos, a porcentaxe de dispositivos electrónicas para o acceso medra ata o 91%.
A capacidade adquisitiva, sinálase, tamén é un factor decisivo para dispoñer (ou non) de conexión á Internet, e máis se temos en conta que o 80% dos domicilios con ingresos superiores aos 1.500 euros contan con equipamento preciso para estar en liña. Unha vez máis, engádese, estamos ante un problema de custes, cousa que con toda probabilidade acadaría unha solución no caso de que a oferta comercial fose máis económica ou ben se contase cunha rede pública e aberta que cubrise estes baleiros.
Neste senso, sinalar que o Concello puxo xa en marcha unha rede sen fíos para achegar acceso a zonas públicas da cidade e máis a 18 núcleos rurais.
Ourense sitúase entre os núcleos urbanos con menos accesos á Rede do Estado
Compartir Este Artigo
