
Dos 10.740.000€ de investimento previsto a finais de 2013 para dotar de cobertura aos 28 municipios desta fase, 3.460.000€ destinaranse á implantación de redes fixas, 5.610.000€ a redes sen fíos e os 1.670.000€ restantes se aplicarán á posta en marcha de redes de nova xeración, que permiten velocidades de conexión de ata 100 Mbps, expuxo a representante do Executivo galego na provincia. Destas últimas beneficiaranse arredor de 26.145 habitantes de Monforte, Chantada e Sarria.
Esta primeira fase de despregamento de novas infraestruturas realizarase «en 12 concellos da Ribeira Sacra luguesa (Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Taboada, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil), así como en outros 10 da metade sur da provincia de Lugo (Antas de Ulla, Bóveda, Friol, Guntín, Palas de Rei, Monterroso, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria)», destacou Arias, que estivo acompañada na presentación polo enxeñeiro Javier Páez, compoñente do equipo que se encargará de controlar o desenvolvemento do Plan de Banda Larga.
Do mesmo xeito, nesta primeira fase actuarase en tres municipios da Ribeira Sacra ourensá (Nogueira de Ramuín, A Peroxa e A Teixeira) e nos concellos de San Cristovo de Cea e Vilamarín (Ourense) e Rodeiro (Pontevedra).
O obxectivo do Plan é «reverter a actual situación de desigualdade social que vive a comunidade en materia de acceso aos servizos de telecomunicacións» e contribuír ao aproveitamento das TIC como «motor para a dinamización e competitividade empresarial así como a modernización dos servizos públicos» para o que contarase cunha dotación orzamentaria de 102 millóns de euros da Xunta de Galicia que podería superar os 230 millóns mobilizando capital privado e doutras administracións.
A Xunta comeza a planificación da execución do plan de banda larga para o sur da provincia de Lugo
Compartir Este Artigo

