Nos cines españois estase a proxectar estes días a película baseada no xogo Prince of Persia, o que provocou a chegada á App Store dun xogo que moitos agardaban, que non se trata dun port do xogo baseado na película que chegou a Xbox 360, PlayStation 3 e PSP, senón que sería a conversión do clásico xogo de 1989, toda unha referencia no xénero das plataformas que destacaba pola súa dificultade e que fixo época.
Prince of Persia Retro funciona en iPhone, iPod Touch e iPad, e está á venda por 0,79 euros. Consiste en percorrer un palacio dende o alxube, esquivando trampas mortais e enfrontándose a gardar armados ata rescatar á filla do sultán dun malvado visir que quere casar con ela.
O xogo manéxase mediante controis táctiles, os seus gráficos están mellorados (tomaron os da súa primeira secuela, en vez de empregar os orixinais) e conserva a súa premisa contra reloxo, de xeito que só teremos 60 minutos para cumprir coa nosa misión. O seu elevado nivel de dificultade fai que só sexa recomendado para usuarios familiarizados co xogo ou que toleren certo nivel de frustración propia dos títulos arcade da década dos 80.

| Vídeo no que podemos ver o Prince of Persia Retro nun iPad |

