A pasada noite Steve Jobs foi entrevistado dentro da conferencia D8 de All Things Digital (The Wall Street Journal) por Walt Mossberg e Kara Swisher durante máis de hora e media, de xeito que repasáronse múltiples asuntos de interese, entre os que están os dispositivos móbiles da compañía da mazá ata as polémicas sobre as condicións laborais nas fábricas asiáticas, pero un dos detalles máis rechamantes da conversa foi que Jobs asegurou abertamente que estamos a entrar na «era post-PC», de xeito que produtos coma o iPad podería transformar o xeito de achegarse ao equipamento informático e ás redes de comunicacións, o que ilustrou cunha orixinal metáfora: «cando eramos un país agrario, todos os coches eran camións, porque iso é o que precisaban as granxas. O coche fíxose máis popular nas cidades e cousas coma a dirección asistida e o cambio automático fixéronse populares», entende así que os PC tradicionais seguirán existindo, pero cuns usos moi concretos, deixando de ser a interface natural de acceso á Rede.
Estas afirmacións de Jobs poderían esaxerar a situación actual, pero moitos outros expertos coinciden en apuntar que o futuro podería ir na dirección que apunta o máximo responsable da compañía de Cupertino, quen tamén incidiu na súa aposta polo HTML5 como o futuro da web, desbotando a tecnoloxía Flash de Adobe, o que algúns consideran un erro, pero Steve Jobs pensa que non debe de ser así se atendemos ás fortes vendas do iPad (están a vender 1 cada 3 segundos).
No tocante a outros asuntos polémicos, como a aparición dun prototipo do novo iPhone e dos suicidios nas fábricas de Foxconn, Steve Jobs procurou abordar os temas con certo tacto, aludindo á complexidade destas problemáticas, aínda que ambas historias parecen estar aínda lonxe de chegar á súa fin.
Mossberg preguntou a Jobs se sería posible que o iPhone pasase a ser distribuído nos EE.UU. por máis compañías que AT&T, deixándose a porta aberta a tal posibilidade, pero sen concretar se este sería o ano no que acontecería tal (como parece que vai pasar en España). Sobre as relacións de Apple con Google, Jobs asegura que non van entrar no negocio das buscas na Internet, pero é a xente de Google a que decidiu entrar a competir con Apple.
Steve Jobs pensa que estamos a entrar na era post-PC
Compartir Este Artigo
