Máis emprego útil e accesible das novas tecnoloxías e, en virtude diso, máis posibilidades laborais para as persoas con diversidade funcional. Esta foi unha das peticións básicas que a Fundación ONCE lle achegou este 21 de xullo á Xunta de Galicia, durante a celebración da xornada Persoas con Discapacidade, capacitadas para o emprego que se celebra nas instalacións do Grupo Correo Gallego en Compostela. A petición, que veu da man do director xeral da Fundación, Luis Crespo, baséase en boa medida na necesidade de pór en xogo ferramentas dixitais que inclúan máis que exclúan e que permitan o desenvolvemento de todo tipo de tarefas a distancia, de maneira igualmente eficaz que se se levasen a cabo de xeito presencial.
Crespo complementou estas solicitudes cos datos sobre diversidade funcional e traballo que se rexistran na nosa terra, a comunidade con meirande porcentaxe de persoas con estas características e, despois de Castela e León e Asturias, a de meirande taxa de envellecemento da poboación. Todo isto, sinalou, ten que atoparse ademais cun factor que nos é propio, o noso espallamento demográfico, un atranco máis para acadar un acceso á información, ao mercado laboral e aos servizos básicos que deberan ser iguais para todas e todos. Crespo tamén incidiu na taxa de actividade en Galicia destes colectivos, que é 6 puntos menor cá media nacional, problema que de novo vén motivado pola dispersión social e máis a composición do tecido empresarial galego. Para a Fundación ONCE, a Sociedade da Información e o tecido produtivo que abrolla ao seu abeiro significan menor necesidade de desprazamentos e, de reconducilos dunha maneira axeitada e xusta, meirandes posibilidades de acadar igualdade de oportunidades.
A ONCE pídelle á Xunta máis esforzo TIC a prol da inserción das persoas con diversidade funcional
Compartir Este Artigo
