En 2000 causara furor o xogo American McGee’s Alice ao amosar unha versión tétrica da Alicia de Lewis Carroll, e para que os xogadores actuais poidan recuperar esta interesante visión do conto infantil, EA e Spicy Horse están a preparar Alice: Madness Returns, unha secuela que desta volta teremos en PC, Xbox 360 e PlayStation 3, e que promete levarnos de novo ao escuro, macabro e sanguento mundo de Alicia, unha rapaza internada nun psiquiátrico por mor das secuelas que lle deixou un incendio hai 11 anos no que perdeu á súa familia e do que fuxía deslizándose ata o País das Marabillas. Agora, tras 10 anos de internamento, trasládase a Londres, pero continúan a perseguila os seus pesadelos, o que a leva a buscar refuxio no seu mundo fantástico, para descubrir que algo malo sucedeu alí nese tempo, e Alicia deberá loitar para salvar o País das Marabillas e a si mesma.
Este novo título vén de estrear páxina web e un pequeno vídeo de adianto á vez que publicaron unha serie de imaxes do xogo en acción, que dan a entender que estamos ante unha obra realmente impresionante que non defraudará aos amantes do xogo orixinal.


Primeiro teaser de Alice: Madness Returns |

