A participación na Rede das administracións galegas non sempre se desenvolve seguindo criterios lóxicos de comunicación. En ocasións, mesmo semellan estar facendo o seu traballo dende ben lonxe, falándolles a outros, malia estar (física e virtualmente) tan preto coma calquera outra. Nesta liña é onde semella inserirse o Concello de Sanxenxo, un goberno local que leva xa uns cantos anos dando poucas probas de apoio á Rede galega, ofrecéndose á comunidade internauta cunha páxina que en aparencia ten versión na nosa lingua pero que logo só actúa de xeito operativo en español. A achega galega, deste xeito, fica coma unha desas obras en construción que existe en tódalas vilas e cidades e que nunca se dá rematado.
Segundo se conta na CiberIrmandade, dende a que xa puxeron en marcha unha nova iniciativa para que Sanxenxo varíe o seu rumbo comunicativo na Rede, que un concello aposte pola lingua do país no que se insire é sempre unha estratexia enriquecedora, se teña a ideoloxía que se teña.
“Sabemos que é posible para este concello galego ter unha páxina web na lingua propia de Galiza, e que tampouco é ningunha utopía ter a nosa lingua como opción predefinida”, manifestan dende o colectivo internauta e cultural, ao tempo que animan á comunidade galega en liña a facerlle chegar á alcaldesa de Sanxenxo unha solicitude dixital para a posta en marcha dunha versión no noso idioma da súa comunicación na Web.
Campaña en liña para pedirlle ao Concello de Sanxenxo unha versión en galego da súa web
Compartir Este Artigo
