As entidades que fixeron posible a creación e a posta en marcha Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) de Lugo, alá en 1995, veñen de renovar os acordos en materia de pulo ás actividades deste emprazamento de investigación, dedicado na súa meirande parte a favorecer o fluxo de información de valor entre empresas, institucións e máis universidades. O renovamento do acordo, formalizado este luns na sede de Caixa Rural, volveu contar coa dita entidade financeira e máis coa Universidade de Santiago, a Deputación Provincial e a Fundación CEL.
O convenio, que busca achegar continuidade ao dito Centro, vén acompañado dun orzamento de 57.094 euros –achegados por Caixa Rural Galega, Deputación e CEL- para dárlle azos e mellorar a liña de cooperación. Por certo que a USC asume nesta iniciativa o labor de realización de actividades.
Asinaron o convenio o reitor da USC, Juan Casares; o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o presidente da Caixa Rural, José María Pardo; e o vicepresidente da Confederación Empresarial Lucense, David Manuel García.
Entre as funcións do CITT de Lugo (que funciona ombro co ombro co de Santiago de Compostela, creado nos anos 80), inclúese a de axudar aos investigadores da USC a manexar a información sobre convocatorias e axudas, promover a cooperación entre a universidade e as empresas, así como canalizar as demandas externas e os traballos científicos e técnicos desenvolvidos nos departamentos universitarios.
Ao longo de 2009, informa a Universidade, o CITT xestionou un total de 284 actividades, correspondentes a 3 proxectos comunitarios, 25 accións do Plan Nacional, 40 actuacións financiadas pola Xunta e 216 contratos, convenios, informes técnicos e cursos con empresas e institucións. Este conxunto de actividades supuxo que os fondos acadados polos investigadores do campus lugués superasen os 7.300.000 euros.
Pulo orzamentario ao Centro de Transferencia de Tecnoloxía de Lugo
Compartir Este Artigo
