O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, vén de dar a coñecer o que ao seu xuízo sería un novo caso de discriminación de cara aos profesionais que representa. Desta volta, o malestar do colexio diríxese contra o Concello da Coruña, máis polo miúdo pola súa política de acceso ao emprego na administración local, que o CPEIG considera “lesiva” para o seu colectivo. Así llo fixo saber o presidente desta entidade, Fernando Suárez, ao alcalde da Coruña, Javier Losada, a través dunha misiva na que o CPEIG amosa o seu desacordo coas bases para a contratación dun técnico medio de innovación tecnolóxica publicadas o pasado 2 de xullo no BOP.
Segundo informa o colexio, trátase dun posto de traballo para desenvolver funcións que lle corresponden “claramente” a unha/un enxeñeira/o en informática, por moito que as bases inclúan a posibilidade de que os propios enxeñeiros ou enxeñeiras en Informática fiquen excluídos do proceso de selección, “ao esixirse como titulación a Enxeñería Técnica en Informática en exclusividade”, sinala. Desde o punto de vista do colexio profesional, este feito representa “unha clara e grave desconsideración cara á Enxeñaría en Informática e os seus profesionais”. E continúan: “Os colexiados e colexiadas do CPEIG demandámoslle a reserva de prazas específicas para a nosa titulación cando así o requiran as necesidades do Concello, sen prexuízo de que, atendendo ás características do posto concreto, poidan ser tamén accesibles as titulacións técnicas no eido da Enxeñaría en Informática”.
Os enxeñeiros en Informática critican a política de emprego do Concello da Coruña
Compartir Este Artigo
