Pensemos por un intre nas cuestións que provocan no medio televisivo ou radiofónico as meirandes audiencias. Quen máis quen menos, ten asistido a un uso comercialmente interesado desa información de interese, ben sexa coa inclusión de publicidade indirecta ben sexa interrompindo o fluxo de datos para meter unha cuña. Salvando as distancias e sen ánimo de comparar os programas de televisón co spam (aínda que ás veces, todo hai que dicilo, se parezan coma pingas de auga), así funciona tamén a delincuencia en liña, sempre á procura do detalle de actualidade para ver se é posible meter man.
Isto non o dicimos só nós, tamén o asegura a firma de seguridade informática Norton, que nun dos seus últimos estudos certifica que un de cada tres asuntos buscados na Rede ofrece resultados maliciosos. Para facérmonos unha idea de todo isto, só entre febreiro e maio a busca de información sobre o concurso Tropical Dreams Sweepstakes, xunto coa expresión ligada “red hot dreams sweepstakes”, subministrou no seu intre máximo de popularidade ata 99 ligazóns maliciosas entre os cen primeiros resultados da procura, o que pon de manifesto que en Internet vale máis que nunca a máxima de canto máis se queira saber dunha cuestión, menor será o coñecemento de valor achegado sobre ela. No estudo tamén se fai saber o que aconteceu estes días con respecto a temas como “atomic dove” ou “constance francesca hilton”, que dan como resultado un índice do 45% en ligazóns enganosas produto dunha procura. “Os piratas informáticos empregan técnicas pouco éticas para facerse cos algoritmos do motor de busca co obxectivo de envelenar os resultados das procuras”, informa Norton, “co que obteñen así o máximo proveito do máximo interse dos asuntos, para deste xeito, redirixir aos internautas cara a aplicacións enganosas como por exemplo falsos exporadores antivirus”.
Unha de cada tres das cuestións máis buscadas na Rede achega resultados enganosos
Compartir Este Artigo
