O pasado 15 de agosto o equipo HEMCUVE formado por científicos das universidades de Extremadura e Vigo coa colaboración dos técnicos do Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, analizaron co supercomputador Finis Terrae o maior problema electromagnético da historia, contendo máis de mil millóns de incógnitas. Coa consecución desta nova marca en electromagnetismo supérase un dos grandes retos científicos do electromagnetismo computacional do século XXI.
O problema analizado é a sección radar da NASA Almond (unha superficie típica de análise electromagnética de forma oblonga) á frecuencia aproximada de 3,5 THz. Para a súa análise empregáronse un total de 1.024 procesadores Itanium, 4,3 TB de memoria RAM e menos de 24 horas de cómputo total no superordenador galego.
A aplicación empregada no reto, HEMCUVE++ ten a calidade fundamental de utilizar de forma eficiente un número elevado de procesadores con grande dispoñibilidade de memoria, aproveitando así a potencia dos grandes supercomputadores. É o resultado dun proceso de desenvolvemento continuado do equipo investigador, iniciado no ano 1999 a través dun proxecto financiado por NAVANTIA. O desenvolvemento deste algoritmo e a colaboración dos técnicos e investigadores dos centros de supercomputación de Galicia, CESGA, e Estremadura, CenitS, permitiu ao grupo bater sucesivamente varios records mundiais neste campo da ciencia.
O traballo foi levado a cabo mediante un acceso á ICTS CESGA financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, (referencia ICTS-2009-40). Esta acción dá resposta a varios dos fitos que o equipo está a desenvolver no proxecto Consolider-Ingenio TERASENSE, onde se desenvolven novas metodoloxías e equipos no campo dos terahercios e a nanotecnoloxía.
Ademais o rango de aplicacións posibles é moi amplo e vai dende a resolución de problemas electromagnéticos no deseño de grandes estruturas dotadas de sistemas de raio, como barcos, avións e vehículos terrestres, á aplicación do electromagnetismo computacional en campos como: a biomedicina o deseño de metamateriais ou o desenvolvemento de radares de penetración terrestre para a detección de minas antipersoa, estruturas xeolóxicas no subsolo, etc.
O grupo HEMCUVE, recibiu en 2009 os premios internacionais PRACE e Itanium Innovation pola súa contribución ao electromagnetismo en supercomputación. O grupo está liderado polos profesores José Manuel Taboada e Luis Landesa na Universidade de Estremadura e por Fernando Obelleiro e José Luis Rodríguez da Universidade de Vigo. No desenvolvemento dos sucesivos retos participaron o técnicos e investigadores do CESGA e o CenitS.
O superordenador Finis Terrae resolve un problema con mil millóns de incógnitas
Compartir Este Artigo

