
Este novo xogo destaca por mesturar nunha única historia 4 universos paralelos cun Spider-Man en cadanseu, partindo dunha versión tradicional do Home Araña (Amazing) aos que se suman unha versión co traxe alieníxena (Ultimate), outra ambientada nos anos 50 (Noir) e unha futura (2099), que guiados pola medium mutante Madame Web a través de distintas misións nas que enfrontarse a inimigos moi coñecidos coma Kraven, Matanza, Masacre, Hammerhead… na procura das distintas pezas que conforman a Táboa da Orde e o Caos, obxecto místico que Spider-Man rachou accidentalmente nun enfrontamento con Mysterio.

Non faltan as sorpresas no xogo, e así non sempre teremos que saltar e golpear, senón que durante a aventura haberá que resolver sinxelos enigmas, e contaremos con secuencias que actúan coma mini-xogos, coma combates nos que pasaremos a empregar unha perspectiva primeira persoa (tendo que combinar golpes con evasións) e incluso secuencias nas que evitar os disparos dun francotirador, aproveitando os tiros errados para derribar árbores que permitan seguir avanzando no xogo. Detalles que claramente enriquecen a experiencia de xogo e evitan a repetición de mecánicas que poderían chegar a aburrir.
A xogabilidade deste título é notable, superando a moitas das últimas entregas desta franquía e fuxindo da mecánica sandbox que non pareceu convencer moito nas mesmas, pero resulta aínda máis destacable o seu aspecto gráfico, cunhas escenas cinemáticas de calidade soberbia (tanto na animación coma no detalle gráfico) e ambientacións carismáticas, de xeito que mediante cel-shading conséguese dar unha aparencia de debuxo animado ás fases de Amazing e Ultimate, mentres que en 2099 temos uns deseños moi futuristas con máis aspecto de videoxogo actual e en Noir a escuridade e unha paleta de cores que fuxe do cromatismo consegue recrear axeitadamente os comics nos que se basea (lembrando tamén ao cine negro).
No apartado sonoro, sobra dicir que é correcto (acompañado por unha banda sonora bastante apropiada), aínda que moitos xogadores botarán en falta a dobraxe ao español (suplida por subtítulos), aínda que grazas a contar coas voces en versión orixinal podemos escoitar ao propio Stan Lee (co-creador de Spider-Man) coma narrador da historia, á vez que a voz de Spider-Man está interpretada polos mesmos actores que fixeran tal en distintas series de animación do trepamuros.
Posiblemente esteamos ante o mellor xogo de Spider-Man da presente xeración de consolas (imprescindible para o lectores do personaxe da Marvel), aínda que habería que destacar que a versión de Nintendo DS non foi obra de Beenox, senón que correu da man de Griptonite, compañía que adaptou o título a un público máis infantil (PEGI +12) e cunha mecánica moito máis sinxela, pero que non deixa de ser un xogo bastante atractivo coma podemos ver no seu trailer:
Trailer de lanzamento de Spider-Man: Dimensions

