A plataforma Os medios en galego importan, que como dixemos os días pasados abriu fronte na Internet co gallo de acadar a máxima repercusión na súa vontade de garantir a presenza de prensa en galego, vén de dar un novo paso neste uso mobilizador da Rede. Segundo se conta dende a web de A Nosa Terra (que forma parte deste panorama crítico da información na nosa lingua), a dita plataforma xa ten espazo propio no Facebook, co que se quere ir alén das funcionalidades achegadas pola web primeira da plataforma, ofrecéndose agora a posibilidade de facer comentarios, debater propostas e avaliar polo miúdo a situación comunicativa no país.
Polo que respecta á repercusión acacada por esta nova iniciativa, dicir que logo dun día de actividade, o espazo no facebook de Os medios en galego importan acadou a cifra de máis de 200 persoas (no momento de escribir estas liñas achégase aos 600), incluíndose unha ducia de seareriso deixando comentarios. O igual que a plataforma mesma da que xorde, o espazo en Facebook oriéntase a mobilizar á comunidade internauta na procura dun eido informativo que contribúa en maior medida a salvagardar a presenza do galego. A páxina osmediosengalegoimportan.com xa foi visitada por máis de 8.000 persoas nos seus primeiros tres días de existencia.
A mobilización na procura de máis medios en galego xa ten espazo en Facebook
Compartir Este Artigo
