Hoxe é unha data moi importante para os fieis seguidores da principal franquía de videoxogos exclusiva para as consolas de videoxogos de Microsoft, Halo, que foi un factor decisivo tanto para o lanzamento da Xbox 360 coma do servizo Xbox LIVE, e que pecha agora un importante capítulo da súa historia ao chegar ás tendas Halo: Reach, que será a derradeira entrega da saga desenvolvida polo seu estudo orixinal, Bungie.
Van xa 9 anos de saga percorrendo as aventuras do Xefe Mestre (Master Chief), un soldado Spartan que ten que defender á Humanidade do ataque dos terribles Covenant. Pero pese a solidez das campañas para un xogador para narrar a historia, a meirande parte dos usuarios acoden a esta franquía para gozar do seu modo multixogador, que en Halo: Reach volve a elevar o listón do xogo en liña, polo que é de agardar que de cara ao Nadal sexa un dos xogos con maior actividade en Xbox LIVE.

Este título chega con grandes presentacións en distintos lugares do mundo, e aínda que en España non puidemos ver a un home disfrazado de Spartan voando cun jetpack coma en Londres, non podemos considerarnos marxinados, xa que, entre outras cousas, podemos gozar dun xogo totalmente localizado, cunha dobraxe excelente.
De todos os xeitos, aínda que esteamos ante un claro éxito de vendas e crítica, Halo Reach terá coma principal reto superar as vendas de Call Of Duty: Modern Warfare 2, xogo que conseguiu superar os magníficos resultados de Halo 3.
A presentación de Londres de Halo Reach foi realmente expectacular
Avance oficial desta última entrega de Halo

