O uso das redes sociais no traballo, se seguimos a este paso, rematará por converterse en algo así como o café en tres quendas ao longo da mañá e os catro ou cinco cigarros na porta da nosa empresa ou administración. O seu alto índice de emprego, que por certo medra con cada día que pasa, máis que un problema para o rendemento da empresa (que tamén pode ser), pode afectar seriamente á protección dos datos que a compañía garda coma ouro en pano e comparte só con quen opina que o merece, normalmente quen máis cartos ou poder ten. Segundo datos de Panda Security, achegados a través do seu primeiro Índice Anual de Risco en Redes Sociais de Empresas realizado en EE. UU., o emprego das ditas ferramentas de participación en liña durante horario de traballo é unha práctica cotiá para o 77% dos empregados.
O estudo, accesible en pdf, foi feito sobre unha base de 315 do país de ata 1.000 traballadores. Entre outras cousas, sitúa no 33% a porcentaxe de empresas que confesa ser tido obxecto dunha infección informática a través deste tipo de comunidades.
Amais de todo isto, a investigación tamén fai reconto de todo aquilo que máis preocupa ás empresas en materia de uso de Facebook, MySpace, Tuenti e demais, sendo o que máis lles inquieta a perda de privacidade e beneficios (74%), as infeccións en si mesmas (o 69%) ou a caída na produtividade dos empregados (o 74%). Porén, non todo son malas experiencias relacionadas co emprego destes servizos 2.0, xa que para o 78% dos enquisados está claro que estes achegan un apoio importante na investigación e na intelixencia competitiva, amais de melloras no servizo de atención ao cliente e ampliacións no alcance das relacións públicas e nos labores de promoción, polo que teñen potencial abondo, sinalan, para xerar beneficios directos. Un exemplo disto, puntualizan, é o servizo Facebook, no que teñen conta propia case dous terzos das firmas requiridas para a investigación. Seguen en importancia Twitter, YouTube e LinkedIn. Deste xeito, é doado supoñer que Facebook, por volume de uso, constitúe a fonte principal de infeccións. De feito, entre o 70 e 75% das firmas enquisados sitúano como o gran culpable de ter sido vítimas de infeccións de malware e de roubos de información.
O 77% dos empregados de EE. UU. usan redes sociais no traballo
Compartir Este Artigo
